Sunday 28 de April de 2024

Reactívase o desfile do Entroido pobrense para o martes 13


Debido á mellora das condicións meteorolóxicas, a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal decide retomar o desfile do Entroido segundo estaba previsto para o martes 13.
A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, precisa que a dinámica será a mesma que estaba contemplada no momento no que se anunciou a programación. O desfile arrancará ás 17.30 horas dende A Covecha para se dirixir polo núcleo urbano ata as inmediacións da E.E.I. Fernández Varela, na rúa Castelao. Alí procederase co concurso dirixido a maiores de 13 anos. A youtubeira Nuska Chousa presentará a particular gala onde se decidirá quen leva cada unha das catro distincións nas tres categorías definidas: carrozas (un primeiro, de 700 euros; un segundo, de 400; un terceiro, de 200; e un cuarto, de 150); grupos (400, 300, 200 e 150 euros, por esta orde) e parellas/individuais (200, 150, 125 e 100 euros, respectivamente). Na comitiva tamén participarán as comparsas Samieira, Os da Caña, As Sonecas e Cor Café.
Ademais, participarán os disfraces gañadores da festa infantil que tivo lugar no domingo 11, na que tamén houbo un certame, nesta ocasión, para a rapazada de ata 12 anos, con cinco premios no total: un primeiro premio, de 200 euros; un segundo, de 150; un terceiro, de 125; un cuarto, de 100 e un quinto, de 75.